Tendencia dos prezos hora a hora

Tendencia dos prezos hora a hora coa tarifa indexada de Som Energia

Na tarifa indexada, o prezo da electricidade varía cada día e é diferente cada hora da xornada. Con esta modalidade, pagas o que custa a electricidade hora a hora, segundo o mercado, no canto de teres unha tarifa fixa.

Máis abaixo atoparás o gráfico cos prezos da enerxía actualizados a diario. En Som Energia temos 3 modalidades de tarifa indexada en función da potencia contratada.

Na parte superior da imaxe podes seleccionar a tarifa que queiras consultar. O máis frecuente en vivendas é contratar a tarifa 2.0TD, a non ser que se precise unha potencia superior á habitual.   

  • 2.0TD indexada: para contratos domésticos e empresas cunha potencia contratada de até 15 kW. 

  • 3.0TD indexada: tarifa para empresas con potencia de máis de 15 kW.

  • 6.1TD indexada: alta tensión.

Neste gráfico tes información que che axuda a adaptar o teu consumo aos horarios máis económicos

A seguir podes ver a tendencia dos prezos de hoxe sen impostos. 

Os do día seguinte aparecen cada día ás 15.00.

Como identificar as horas en que a electricidade é máis económica

No gráfico podes ver a tendencia dos prezos de cada día hora a hora. Identifica as horas cos prezos máis altos, intermedios e máis económicos. Hai dous elementos que tes que ter en conta: as barras verticais verdes e as liñas horizontais azuis.

Hai 24 barras verticais, unha por cada hora do día.

Se premes cada unha das barras, aparecerá unha fiestra coa data, a hora e o prezo do kWh. Ten en conta que os prezos que ves no gráfico son aproximados; trátase do cálculo máis axustado que podemos facer o día anterior. 

Hai algúns custos relacionados con restricións técnicas e outras incidencias que Rede Eléctrica engade máis tarde.

Verás tamén que hai dúas liñas azuis horizontais. Serven para che dar unha idea de cal é a tendencia dos prezos nese momento:

  • A liña azul continua indica a media de prezos diaria.

  • A liña azul descontinua indica a media de prezos dos últimos 7 días. Serve para que teñas unha perspectiva de como son os prezos dese día en relación coas últimas 7 xornadas.

Cando me sae máis barato pór a lavadora?

Vexamos un exemplo para que poidas empregar o gráfico e aforrar así en electricidade.

Imaxina que tes que pór unha lavadora, mais non é urxente. Prefires facelo no momento máis económico entre hoxe e mañá. Ao consultares o gráfico, comezas mirando as liñas azuis.

Logo miras as columnas verdes. As máis pequenas e de cor máis clara serán as máis económicas do día. 

Se che queda algunha dúbida sobre como optimizar a tarifa indexada, sempre nos podes escribir a info@somenergia.coop.